A Festa

A Festa da Reconquista da Vila de Vigo ten a súa orixe nos acontecementos históricos sucedidos vila de Vigo durante os meses de xaneiro e marzo de 1809. Tomando como punto de partida estes feitos, a veciñanza do Casco Vello de Vigo vén impulsando desde hai máis de 20 anos a conmemoración desta Festa, na que se representan os feitos históricos acontecidos.

Tomando a herdanza do carácter popular que tivo a orixinaria Reconquista da Vila de Vigo, a veciñanza do Casco Vello, e ante a falla dunha conmemoración á altura dos acontecementos históricos acaecidos, comezaron en 1994 a recrear a celebrar esta festa. Se ben a Reconquista de Vigo é un día festivo en Vigo con multitude de actos oficiais, a Asociación Veciñal Casco Vello vía a necesidade de outorgarlle aos históricos acontecementos sucedidos na cidade no 1809 o mesmo carácter popular que os provocaron.

Así pois, desde o período desde 1994 a 1997 a conmemoración da Reconquista da Vila de Vigo consistiu en actividades de recuperación histórica, coa marcaxe da antiga muralla, ou dos lugares máis significativos para a Festa. Desde 1997 en diante, os veciñas e veciños do Casco Vello comezaron a perfilar a actual configuración da Festa, comezando por vez primeira a facer unha recreación dos feitos históricos sucedidos o día 28 de marzo do 1809.

Desde esa primeira representación, a Festa da Reconquista da Vila de Vigo foi evolucionando até se converter no acontecemento festivo máis sobresaínte da cidade. O que un día era unha festa que ocupaba apenas unha praza do Casco Vello consta a día de hoxe dunha programación de máis dun mes de duración que ten o seu momento álxido en torno ás datas históricas. Centos de persoas participando na recreación; centos de postos de artesanía e gastronomía e milleiros de visitantes que de forma máis ou menos activa participan nas actividades programadas e coordinadas desde a Asociación avalan a consolidación, arraigo e proxección de futuro que ten esta Festa.

Na planificación e celebración da Festa da Reconquista a Asociación Veciñal Casco Vello segue a facer un especial fincapé no carácter popular e participativo. Así pois, a organización e planificación da festa realízase de forma participativa e aberta, o que se manifesta en todas as actividades.