A Reconquista de Vigo

A comezos de marzo de 1809, Vigo está preparada para expulsar aos franceses. Os rebeldes fundan un primeiro cuartel xeneral na parroquia de Zamáns. Logo, trasládans a Lavadores. Un fidalgo, Joaquin Tenreiro Montenegro, recruta novos voluntarios e cadros dirixentes, como o portugués Juan de Almeida. De fora chegan tamén novos líderes, como Francisco Colombo e quen será o heroe local, Bernardo González del Valle, apodado «Cachamuiña» polo nome da vila ourensana na que nacera.

O día 17 de marzo iníciase oficialmente o cerco a vila. Os franceses xa non poden saír das murallas na procura de alimentos e de forraxe para os cabalos. Ademais, os veciños vanlles roubando armas e municións, que sacan en segredo aos campamentos dos seus compañeiros sitidores.

No mar, as fragatas britanicas «Lively» e «Venus», prestan apoio naval e manteñen o cerco a Vigo. Os líderes vigueses comezan entón a enviar mensaxes ao comandante Chalot, instándolle a súa rendición, pero este négase en repetidas ocasións, tentando gañar tempo, esperando reforzos.

O 27 de marzo de 1809, entregaselle a Chalot un ultimátum. Se non entrega Vigo, atacarán a praza. Esa noite, miles de vigueses caen sobre as murallas e comeza o asalto. Na porta da Gamboa teñen lugar os feitos mais coñecidos: A tradición di que un vello mariñeiro do Berbés, chamado Carolo, cae morto cando intentaba derrubar porta cunha machada. O hero é ubstituído por Cachamuiña, que toma a machada e abre o paso, aínda que recibe tres balazos dos franceses.

Tras unha hora de batalla, na que se rexistran máis de cen mortos entre os franceses e uns trinta entre os vigueses, Chalot réndese. O 28 de marzo entrega a praza e os ocupantes son evacuados en barco como prisioneiros rumbo a Inglaterra.

Tras a Reconquista, os vigueses aínda colaborarían na recuperación da cidade de Tui, así como na guerra en toda Galicia e, tamén, na definitiva batalla de Ponte Sampaio, que en xuño de 1809 suporía a derrota de exército do xeneral Ney e a retirada definitiva dos ocupantes napoleónicos de Galicia. Era o primeiro territorio liberado de Bonaparte en toda Europa. E Vigo, a primeira praza europea en ser reconquistada.

Un ano despois da Reconquista, o 1 de marzo de 1809, a Rexencia do reino concede á vila de Vigo o título de cidade, cos títulos de «Fiel, Leal e Valerosa», en recoñecemento á loita pola súa liberdade.

A %d blogueros les gusta esto: